Ao comezo do máster sentía certo medo con esta materia e con WordPress, pois as tecnoloxías nunca foron o meu punto forte e , moito menos, o deseño web. Moitas decisións a ter en conta e unha morea de cuestión técnicas que se falla unha, provoca un efecto dominó na túa pequena web. Porén, tamén entrei no máster coa idea de reinventarme e poder aprender daquelas cousas que observaba na distancia por covardía.
Deste xeito, atopei en WordPress unha plataforma moi versátil, potente e moi empregada por moitísimas empresas e marcas que coñecemos.

WordPress como porta de entrada ao deseño web
Un dos aspectos que máis me chamou a atención foi como WordPress permite achegarse ao deseño web sen necesidade de coñecementos avanzados de programación. Non entredes en pánico, pois podes manexar WordPress sen ter nin idea de programación. Dígocho eu, que son nulo nese terreo. A través do seu panel de administración, é posible xestionar contidos, páxinas, menús e estilos de forma intuitiva. Isto fai que persoas sen experiencia técnica, coma min, poidan crear un sitio web funcional e visualmente atractivo.
Ademais, nesta materia empregamos ferramentas como os editores visuais (por exemplo, Elementor) que facilitan aínda máis este proceso, permitindo construír páxinas mediante bloques e contedores. Consello: nomeade todo o que poidades para ter unha orde dentro do voso caos mental. O que avisa non é traidor.
Pódese consultar máis información oficial sobre esta ferramenta na páxina de WordPress.org, onde se explica en detalle o seu funcionamento e posibilidades.
A importancia dos temas e dos temidos plugins
Outro punto fundamental do traballo con WordPress é o uso de temas e os temidos plugins. Teño que recoñecer que tremía co medo cada vez que o profesor dicía que había que instalar un novo plugin. Un pouco por descoñecemento de non saber aproveitar ao máximo as súas utilidades xa dende un inicio. Para estas cuestión teño pouca paciencia, pero, outro consello, hai que armarse dela.
Os temas determinan o aspecto visual da web, mentres que os plugins permiten engadir funcionalidades moi diversas: formularios de contacto, optimización SEO, seguridade ou rendemento, entre moitas outras.
Durante a materia aprendín que non sempre máis plugins significa unha mellor web. Un uso excesivo pode afectar ao rendemento e á seguridade do sitio. Por iso é importante seleccionar só aqueles que sexan realmente necesarios e que estean ben mantidos polos seus desenvolvedores. Un bo exemplo dun plugin esencial é Rank Math SEO, moi empregado para mellorar a visibilidade das páxinas nos buscadores. Grazas a Wajari por falarnos da importancia do SEO e darnos a coñecer ese plugin.
WordPress sempre de parte do usuario
Máis alá do aspecto técnico, WordPress tamén nos fai reflexionar sobre a calidade do contido e a experiencia do usuario. Un texto ben estruturado, con títulos claros, parágrafos curtos e elementos visuais como imaxes ou vídeos, mellora notablemente a lectura e a navegación.
Agora solo queda botarlle horas argallando deseños chulos e accesibles decidindo que tipo de letra, cor ou seccións queremos para a nosa web. Moito ánimo, compañeirxs!
Por aquí vos deixo un vídeo para animarvos a entrar neste mundo de WordPress!