Un dos comentarios que máis recibo cando falo de libros nas redes sociais é sempre o mesmo: “Gustaríame ler máis en galego, pero non sei por onde empezar.”
É unha dúbida completamente normal. Durante moitos anos, moitas persoas asociamos a literatura galega ás lecturas obrigatorias do instituto, cando a realidade é que o panorama editorial actual está cheo de novelas contemporáneas capaces de emocionar, entreter e sorprender.
Nesta selección reúno dez libros en galego que, por diferentes motivos, considero unha excelente porta de entrada á nosa literatura. Hai novela romántica, narrativa contemporánea, literatura xuvenil, novela gráfica e historias que permanecen na memoria moito despois de pechar a última páxina.

Fago o que podo, de Afra Torrado

Se nunca liches unha banda deseñada en galego, creo que Fago o que podo é un magnífico punto de partida. A través dun humor moi recoñecible e dunha mirada irónica sobre a vida cotiá, Afra Torrado consegue que moitas das situacións que retrata resulten sorprendentemente familiares. A súa lectura lembra, en certo modo, a un sketch de Land Rober, pero mellor feito e no que te sentes moi representado.
A través da autoficción e dun humor moi particular, a autora aborda cuestións coas que resulta doado identificarse: a síndrome da impostora, a procura da identidade, as relacións afectivas ou a precariedade laboral. Todo isto convive con pequenas historias protagonizadas pola Señora Barbuda, un dos seus personaxes máis coñecidos.
Se nunca liches unha banda deseñada en galego, creo que este é un magnífico punto de partida. É unha obra áxil, visual e moi próxima, capaz de facer reflexionar sen perder nunca a ironía nin a capacidade de sacar un sorriso. Demostra, ademais, que a literatura galega actual explora formatos e linguaxes moi diferentes aos da narrativa tradicional.
Diario de dúas casas, de María Villamarín

Se tivese que escoller un único libro desta lista, probablemente sería este.
Diario de dúas casas é unha obra autobiográfica na que María Villamarín reflexiona sobre a convivencia entre dous espazos que marcan profundamente a súa identidade: a cidade, onde vive e estuda, e a aldea de Casas da Veiga (Xinzo de Limia), onde están as súas raíces. A través da escritura de diferentes cadernos, a autora constrúe un relato íntimo no que teñen cabida a memoria, a familia, o sentimento de pertenza e as contradicións que xorden ao vivir entre dous mundos.
É un libro que se le con calma, sen présa, porque cada páxina invita a deter a lectura e pensar. A escrita de Villamarín é delicada, honesta e profundamente sensible, capaz de converter experiencias moi persoais en emocións coas que resulta doado identificarse.
No meu caso, foi unha das lecturas que máis me emocionou dos últimos anos. Non porque conte unha gran historia chea de acontecementos extraordinarios, senón porque demostra que a literatura tamén pode atoparse nas pequenas cousas: nos recordos, nos lugares que habitamos e nas persoas que nos acompañan ao longo da vida. É un deses libros que permanecen contigo moito despois de rematar a última páxina e ao que, con toda seguridade, volverei no futuro. Ademais, a súa lectura pilloume nun momento no que remataba a carreira e comezaba a empaquetar catro anos fóra da casa en caixas e bolsas.
Timbrol e a pega, de Leticia Barbadillo

Timbrol e a pega é un deses libros que demostran que as historias máis sinxelas tamén poden agochar grandes reflexións. A través dunha narración pensada para o público infantil, Leticia Barbadillo constrúe un relato no que a diferenza non se presenta como un problema, senón como un tesouro, unha herdanza a preservar.
Un dos aspectos que máis me gusta da obra é a maneira na que representa a infancia. Os personaxes achéganse ao descoñecido desde a curiosidade e non desde o prexuízo, lembrándonos que moitas das barreiras que levantamos fronte ao diferente son aprendidas co paso do tempo. O libro convida así a mirar o mundo con máis empatía e naturalidade.
Aínda que está dirixido ás lectoras e lectores máis novos, penso que é unha lectura que tamén pode interpelar ás persoas adultas. A mensaxe sobre a aceptación, a convivencia e o respecto resulta universal e convértese nunha boa oportunidade para compartir unha lectura en familia ou no colexio e iniciar conversacións arredor destes valores.
Heartstopper, de Alice Oseman

Se algunha vez pensaches que che gustaría empezar a ler en galego, pero non sabías por onde facelo, a tradución de Heartstopper paréceme unha boa opción.
Moitas persoas xa coñecen esta historia grazas aos cómics orixinais ou á adaptación audiovisual de Netflix. Precisamente por iso, achegarse á edición en galego resulta moito máis sinxelo: xa coñeces os personaxes, o universo narrativo e o ton da obra, polo que a lingua deixa de ser unha barreira e convértese nunha oportunidade para redescubrir unha historia que probablemente xa coñeces.
A edición publicada por Xerais, traducida por Nee Barros, permite gozar en galego dunha das novelas gráficas xuvenís máis importantes dos últimos anos, mantendo a frescura, a tenrura e a naturalidade que converteron Heartstopper nun fenómeno internacional. A obra narra a relación entre Charlie e Nick, dous estudantes que descobren que a amizade pode transformarse en algo máis, abordando con sensibilidade cuestións como o amor, a identidade ou a aceptación persoal.
Este tipo de traducións teñen un valor engadido: demostran que o galego tamén pode ser a lingua na que descubrimos ou revisitamos grandes éxitos internacionais.
Pai, de Miguel Louzao Outeiro

A poesía, aínda que non é un xénero que consuma en exceso, tamén tiña que ter un lugar destacado nesta lista, e Pai é un bo exemplo. Neste primeiro poemario, Miguel Louzao Outeiro constrúe unha crónica íntima arredor da crianza do seu fillo, convertendo a experiencia da paternidade no fío condutor da obra.
O que máis me interesa deste libro é a maneira na que presenta a figura paterna. Lonxe dos modelos tradicionais de masculinidade, Pai reivindica unha paternidade construída desde os coidados, a presenza e o compromiso emocional. A través dos poemas, o autor reflexiona sobre os medos, as responsabilidades e as transformacións que acompañan a chegada dun fillo, demostrando que a vulnerabilidade tamén pode ocupar un lugar central na literatura.
O clan das barbies, de Antía Yáñez

Antía Yáñez é, na miña opinión, unha das voces máis interesantes da literatura galega actual, e O clan das Barbies é unha boa mostra da súa capacidade para abordar cuestións sociais desde unha narrativa contemporánea.
Esta novela presenta un mundo distópico no que a natalidade é un problema e a fertilidade ten un prezo. Se che gustou El cuento de la criada, este libro é para ti. Unha novela coral onde as protagonistas atópanse nunha clínica de fertilidade para ser ventres de aluguer e gañar un diñeiro, que escasea cada vez máis, co que facer fronte os seus problemas. Unhas páxinas ao máis puro estilo female rage nas que se hai que queimar todo, quéimase.
Anagnórise, de María Victoria Moreno

Falar de literatura galega e non mencionar Anagnórise sería practicamente imposible. Publicada en 1988, esta novela converteuse nun dos grandes clásicos da literatura xuvenil galega e continúa a ser, varias décadas despois, unha lectura importante.
A historia acompaña a Nicolau, un mozo que decide fuxir da súa realidade e que, facendo autostop para ir a Madrid, coñece a Xulia Andrade, unha muller misteriosa coa que manterá unha serie de conversas que cambiarán para sempre a súa maneira de entender a vida. Anagnórise é unha reflexión sobre o paso á madurez, os prexuízos, a liberdade e a importancia de cuestionar as ideas que damos por feitas. Unha novela que lin en 4º da ESO e que fixo namorarme, de novo, da literatura galega.
Avelaíñas eléctricas, de Sica Romero

Avelaíñas eléctricas é unha desas novelas que conectan especialmente coa mocidade porque fala de dúbidas, cambios e da difícil tarefa de atopar un lugar no mundo. A historia acompaña a Olivia e Mariña, dúas mozas que, tras rematar a carreira universitaria e atravesar a súa ruptura amorosa, deben enfrontarse á incerteza que adoita acompañar o inicio da vida adulta.
O que máis me gusta desta obra é que retrata unha xeración que vive entre a ilusión e a inseguridade, entre o desexo de construír un futuro propio e a sensación de que nada está completamente definido. A amizade, o amor, as rupturas e a procura da identidade convértense nos grandes piares dunha novela na que resulta sinxelo recoñecerse, especialmente se tamén estás atravesando esa etapa de transición.
Un punto a destacar é que Sica Romero aposta por unha escrita moi natural, incorporando trazos dialectais propios do galego, como a gheada e o seseo, que achegan autenticidade ás personaxes e contribúen a visibilizar a riqueza lingüística do noso idioma. É un detalle que, lonxe de afastar ao lector, fai que a historia resulte aínda máis próxima.
O lado nobre, de Irene Lourido

O lado nobre foi unha das novelas que máis me sorprenderon da narrativa galega recente. A historia parte da longa hospitalización do pai da voz narradora, un acontecemento que obriga a deter o ritmo da vida e a convivir cunha espera na que o tempo parece transcorrer doutro xeito.
O que máis me gustou do libro é precisamente a maneira na que Irene Lourido converte esa pausa nun espazo para a reflexión. Ao longo da novela afloran lembranzas, medos, preguntas e pequenos instantes cotiáns que constrúen un retrato moi humano das relacións familiares. Creo que consegue transmitir moi ben esa forma de ser e de estar que aparece nos momentos complicados, cando a rutina desaparece e o único que queda é acompañar, lembrar e pensar no vivido e tamén no que aínda está por chegar.
A pesar da situación da que parte a historia, non considero que sexa unha novela triste. Ao contrario, penso que sobre as páxinas acaba pesando moito máis a memoria, a nostalxia e incluso a celebración da vida ca a propia dor. É un libro delicado, escrito con moita sensibilidade, que invita a baixar o ritmo e a mirar con máis atención todo aquilo que normalmente pasa desapercibido.
Goma de borrar, Valeria G. Caneda

Goma de borrar foi unha das miñas últimas lecturas e coincide que é a primeira obra de Valeria G. Caneda, unha voz nova da literatura galega que, desde a miña perspectiva, chega para quedar.
A novela aborda a experiencia da violencia sexual na adolescencia a través dunha narrativa fragmentada e profundamente introspectiva. A protagonista inicia, con apenas quince anos, un proceso de afastamento de si mesma e do seu grupo de amigas ao verse atrapada nunha relación abusiva que se prolonga durante anos. O libro explora con enorme sensibilidade como este tipo de vivencias deixan pegadas no corpo, na memoria e na maneira de entender o mundo.
É certo que o comezo pode resultar algo confuso. A estrutura narrativa esixe que o lector vaia reconstruíndo pouco a pouco a historia, pero esa sensación inicial acaba tendo sentido a medida que avanzan os capítulos. A lectura convértese nun auténtico río de emocións e pensamentos que desembocan no mar.
Hai outro aspecto que me gustou especialmente: o xogo formal que propón a autora coa estrutura dos capítulos, tomando o número catro como un dos eixes da narración. É un recurso que achega personalidade á obra e reforza a sensación de que todo está construído cunha intención moi clara.
Máis alá do seu valor literario, creo que Goma de borrar cumpre unha función moi necesaria. Pon palabras a unha realidade que continúa afectando a moitas persoas, especialmente durante a adolescencia, e faino desde unha perspectiva que non busca o sensacionalismo, senón comprender as consecuencias que unha relación abusiva pode deixar ao longo do tempo. É unha novela que acompaña, que axuda a nomear experiencias difíciles e que pode facer sentir menos soas a moites lectores.
Que libro engadirías ti?
Esta selección é completamente persoal e podería incluír moitos outros títulos.
Se coñeces algunha novela en galego que che marcase especialmente, encantaríame lela nos comentarios.
Queda comigo en Raulillo de Bolsillo para enterarte de recomendacións literarias, opinións, vlogs lectores e contidos sobre libros. Benvidx!