Literatura para celebrar o Orgullo

Cada mes de xuño as librarías énchense de recomendacións de novelas protagonizadas por personaxes LGBTIQ+. E paréceme marabilloso. Porén, ás veces esquecemos que detrás desas historias tamén hai autoras e autores que escriben desde a experiencia, desde a investigación ou desde unha mirada profundamente comprometida coa diversidade.

Esta lista non pretende reunir “os mellores” nomes da literatura queer. Simplemente son cinco voces que eu fun descubrindo nos últimos anos e cuxas obras me acompañaron, emocionaron ou me fixeron pensar. Se buscas novas lecturas para este Orgullo, creo que calquera delas pode ser un bo punto de partida.

Nee Barros

Se tivese que recomendar unha voz imprescindible da literatura galega LGBTIQ+ actual, sería sen dúbida Nee Barros.

Nacide en Ourense en 2002 e criade en Marín, Nee Barros combina a creación literaria coa divulgación cultural e o activismo polos dereitos das persoas trans e non binarias. Ademais da súa obra escrita, leva anos achegando a literatura a través das redes sociais, especialmente desde o seu canal de YouTube Neeumatiko, onde comparte recomendacións literarias, análises de obras e reflexións arredor da diversidade e da lingua galega.

O que máis me interesa da súa escrita é a maneira na que aborda cuestións como a identidade, o corpo ou a procura de referentes desde unha perspectiva profundamente honesta. As súas obras non buscan ofrecer respostas pechadas, senón abrir espazos para a reflexión e para que moitas persoas poidan sentirse recoñecidas en experiencias que durante moito tempo apenas tiveron presenza na literatura galega.

Persoalmente, considero que Nee Barros representa unha nova xeración de autoras e autores que están ampliando os límites da nosa literatura, incorporando novas realidades e demostrando que o galego tamén é unha lingua desde a que se poden contar todas as historias.

📚 Se non sabes por onde comezar, recoméndoche Nom estamos quebrades, Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, ou Identidade. A normalidade do non-común, unha obra divulgativa que reflexiona sobre as identidades non binarias e a importancia dos referentes. Ademais, tamén foi a persoa encargada de traducir ao galego Heartstopper. Rapaz coñece rapaz, achegando un fenómeno internacional á nosa lingua.

Clara Duarte

Se hai unha autora que conseguiu facerse un oco na literatura xuvenil actual falando da diversidade con absoluta naturalidade, esa é Clara Duarte. As súas novelas demostran que as historias LGBTIQ+ non teñen por que xirar unicamente arredor da orientación sexual ou da identidade de xénero. As súas personaxes namóranse, dubidan, medran, equivócanse e afrontan conflitos cos que calquera lector ou lectora pode sentirse identificado.

Ademais, sempre me parece interesante a súa maneira de entender a representación. As personaxes LGBTIQ+ forman parte das súas historias con total naturalidade, porque forman parte tamén da realidade que vivimos. Esa normalización converte as súas novelas en lecturas moi accesibles tanto para persoas pertencentes ao colectivo como para calquera lector que simplemente busque unha boa historia.

As súas historias caracterízanse por conter relacións sáficas, é dicir, entre mulleres, conter unha gran dose de drama e unha morea de xiros inesperados. É unha autora que consegue que te rías nunha páxina e que sufras na seguinte. As súas novelas tamén están cargadas dun ambiente de realismo máxico, paranormal e distópico que consegue que desfrutes moito da lectura.

📚 Se non sabes por onde comezar, recoméndoche Cada seis meses, unha novela que combina romance, emoción e reflexión sobre a saúde mental; Luna 174, se che gusta máis a ciencia ficción con rep. lgbt+; ou Manual de ghosting para principiantes, se queres un Aquí no hay quien viva paranormal e cheo de personaxes lgbt+.

Carlos Callón

Falar de Carlos Callón é falar dunha das persoas que máis contribuíu, desde diferentes ámbitos, á divulgación da lingua galega e á recuperación da memoria LGBTIQ+ na nosa literatura. A súa traxectoria vai moito máis alá da creación literaria: é profesor, investigador, ensaísta e un dos maiores especialistas no estudo das disidencias sexuais dentro da historia da literatura galega.

O que máis admiro do seu traballo é precisamente esa capacidade para facer accesible un patrimonio que durante séculos permaneceu oculto ou invisibilizado. A través dos seus ensaios, Carlos Callón demostra que as identidades LGBTIQ+ sempre estiveron presentes na nosa historia e na nosa literatura, cuestionando a idea de que se trata dunha realidade recente. Grazas ás súas investigacións, moitas persoas puidemos descubrir unha parte da nosa memoria colectiva que apenas aparecía nos libros de texto.

Se tivese que recomendar unha das súas obras, sería Vidas e historias LGBT na Idade Media, un ensaio que recupera relatos, personaxes e episodios históricos relacionados coa diversidade afectivo-sexual na Galicia medieval. É unha lectura que combina rigor académico cunha escrita divulgativa e moi accesible, demostrando que a investigación tamén pode ser próxima e apaixonante.

Michelle Durán

Descubrín a Michelle Durán grazas ás recomendacións doutros lectores e, desde entón, converteuse nunha das autoras de literatura xuvenil que máis me gusta recomendar. As súas novelas combinan romance, humor e emoción, pero o que realmente as diferencia é a naturalidade coa que incorpora personaxes LGBTIQ+ e racializados nas súas historias.

Creo que esa é unha das súas grandes fortalezas. Nas súas obras, a diversidade non aparece como un elemento excepcional nin como o único eixo da trama; simplemente forma parte da vida das personaxes. Iso fai que as súas historias resulten honestas, próximas e moi fáciles de conectar, especialmente para un público novo que busca verse representado na literatura.

Outro aspecto que me gusta especialmente é a maneira na que constrúe os seus personaxes. Son imperfectos, cometen erros, evolucionan e enfróntanse ás inseguridades propias da adolescencia e da mocidade. Todo isto acompañado dun humor moi característico e de romances que fan que as súas novelas se lean practicamente dunha sentada.

Michelle Durán leva escribindo historias desde a adolescencia, cando comezou a publicalas en plataformas como Wattpad. Esa conexión coas comunidades lectoras segue estando moi presente na súa maneira de entender a literatura: escribir para acompañar ás persoas lectoras, facerlles sentir que as súas experiencias importan e ofrecerlles historias nas que poidan recoñecerse.

📖 Se non sabes por onde comezar, recoméndoche a biloxía cliché (La búsqueda del cliché perfecto e El cliché (im)perfecto que somos tú y yo), unha novela que combina romance, representación LGBTIQ+ e unha escrita fresca e divertida que semella un filme de Netflix para adolescentes (pero mellor feito).

Alana S. Portero

Sempre tiña La mala costumbre como un libro que tiña que ler, si ou si. Sempre que pasaba por algunha libraría, sentía un magnetismo como se o libro chamara por min. Encabezaba as listas dos libros máis vendidos, a autora non paraba de dar entrevistas, o libro funcionaba ben. Sería a finais do 2024 cando lle dese unha oportunidade. Canto tardei porque menuda marabilla!

Hai libros que che gustan e outros que, simplemente, permanecen contigo moito tempo despois de rematar a última páxina. Para min, La mala costumbre pertence claramente a este segundo grupo.

Alana S. Portero consegue construír unha novela profundamente íntima a través da historia dunha nena trans que medra nun barrio obreiro do Madrid dos anos oitenta e noventa. Máis alá da identidade de xénero, a autora fala da infancia, da exclusión, da amizade, do medo e da procura dun lugar no mundo cunha sensibilidade extraordinaria.

O que máis admiro da súa escrita é a capacidade para transformar unha experiencia profundamente persoal nun relato completamente universal. A súa prosa é delicada, poética e moi evocadora, facendo que o lector acompañe á protagonista en cada unha das etapas da súa vida, compartindo as súas inseguridades, as súas pequenas vitorias e tamén as súas feridas.

Creo que La mala costumbre é un deses libros que axudan a comprender realidades que, durante demasiado tempo, permaneceron invisibilizadas na literatura. Non busca ofrecer leccións nin moralizar, senón contar unha historia profundamente humana que fala da necesidade de ser quen unha é e da importancia de atopar espazos seguros nos que vivir con liberdade.

Alana S. Portero converteuse, por méritos propios, nunha das voces máis importantes da literatura LGBTIQ+ contemporánea.

E ti? Que autora ou autor LGBTIQ+ recomendarías?

Queda comigo en Raulillo de Bolsillo para enterarte de recomendacións literarias, opinións, vlogs lectores e contidos sobre libros. Benvidx!

Deixa unha resposta

Scroll ao inicio

Descubre máis desde Raulillo de Bolsillo

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo

Raulillo de Bolsillo
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.