A miña TBR de verán

Son unha persoa que detesta a calor, pero se hai algo que lle teño que agradecer ao verán é todo o que simboliza. Tempo de ocio, verbenas, piscina… En definitiva, o verán trae algo máis de calma e moito máis tempo que eu aproveito para preparar a lista de libros que me gustaría ler durante os meses que dure a calor infernal do sol.

Este ano, ademais, o verán sabe un pouco diferente. Despois de meses inmerso no Traballo de Fin de Máster, o único que me apetece é baixar o ritmo. Ler sen présa. Sen mirar o reloxo. Sen pensar na seguinte tarefa pendente.

Porque, se para moita xente o verán significa praia, piscina ou tardes ao sol, para min tamén significa outra cousa: tempo para ler.

Son desa clase de persoas ás que lles resulta imposible saír da casa sen levar un libro na mochila. E, se por calquera motivo non cabe, sempre vai comigo o ebook. Nunca sei cando vou atopar un intre para ler: nunha viaxe en tren, esperando por alguén, deitado nunha toalla na praia ou simplemente á sombra dunha árbore nun parque. Calquera momento é bo para avanzar unhas páxinas.

Así que, como xa é tradición cada vez que comezan as vacacións, aquí deixo a miña to-be-read list para este verán. Evidentemente, sei que probablemente non me dea tempo a ler todos, porque sempre acabo mercando máis libros dos que son capaz de ler.

Aquí van os títulos que máis ganas teño de descubrir durante os próximos meses. Algúns levan tempo esperando na estantería, outros acaban de chegar á casa e hai algún que me acompaña desde hai demasiado tempo na lista de pendentes.

Urraca, Urraquita, Urraquitita, de Jaime Riba

É, probablemente, o libro ao que máis ganas lle teño de toda esta lista. Levaba moito tempo vendo críticas moi positivas nas redes sociais e en diferentes espazos de recomendación literaria, así que pouco a pouco foime espertando unha enorme curiosidade. Este ano, aproveitando a miña visita á Feira do Libro de Madrid, decidín mercalo e, ademais, tiven a sorte de coincidir con Jaime Riba, que mo asinou e foi moi majísimo. Ese pequeno recordo fai que lle teña aínda máis ganas.

A novela trasládanos ata Ventaquemada, un lugar onde o tempo parece terse detido e no que a morte, os segredos familiares e o peso do pasado condicionan a vida dos seus habitantes. A decisión de dona Urraca Alcolea de sentarse a esperar a súa propia morte serve como punto de partida dunha historia na que os silencios, as ausencias e os alcumes herdados adquiren un enorme protagonismo. Todo isto aparece envolto nunha atmosfera de realismo máxico que, polo que din quen xa a leu, está construída cunha linguaxe moi coidada e cunha voz literaria moi persoal.

Rastros, de Carlos Lixó

Non podían faltar libros en galego nesta lista de lecturas para o verán, e Rastros é un dos títulos que máis curiosidade me esperta neste momento. En primeiro lugar, porque se trata do debut narrativo de Carlos Lixó, un autor do que non deixei de escoitar boas palabras desde a súa publicación. Ademais, todo apunta a que está a ter unha excelente acollida entre a crítica e os primeiros lectores, algo que fixo aumentar aínda máis as miñas ganas de descubrilo.

Outra das razóns polas que o escollín é porque se trata dun libro de relatos, un formato ao que sempre volvo con moito gusto. Gústame a capacidade que teñen este tipo de obras para contar historias moi diferentes nun mesmo volume e sorprender ao lector en cada texto. Creo que son libros perfectos para o verán, cando ás veces apetece ler un relato nunha tarde tranquila sen necesidade de avanzar centos de páxinas dunha novela.

Segundo a sinopse, Rastros propón un percorrido por distintas épocas e lugares a través de documentos ficticios —cartas, crónicas, lendas ou diarios— unidos por un mesmo fío condutor: a maneira na que a historia tratou de ocultar, perseguir ou silenciar aqueles corpos e identidades que se afastaban da norma. A idea de construír este arquivo imaxinario paréceme enormemente orixinal e, ademais, todo indica que Carlos Lixó o fai cunha escrita moi coidada e cunha voz literaria moi marcada.

Un lugar para Mungo, de Douglas Stuart

Se hai un libro desta lista que leva demasiado tempo esperando no meu Kindle, ese é Un lugar para Mungo. A verdade é que non teño escusa para seguir adiando esta lectura. Todo o que fun lendo sobre a novela fai pensar que é unha desas historias que deixan pegada e, ademais, reúne varios dos elementos que máis adoito desfrutar como lector.

Quen me coñece sabe que sinto unha especial debilidade polas historias LGTBIQ+ e, máis concretamente, polas novelas que exploran o descubrimento da identidade, o primeiro amor e as relacións entre personaxes queer. Son libros que sempre conseguen chamar a miña atención e que ocupan un lugar moi importante entre as miñas lecturas favoritas. Por iso, Un lugar para Mungo leva tanto tempo na miña lista de pendentes.

A novela sitúanos na Glasgow posterior á etapa de Margaret Thatcher e segue a historia de Mungo, un adolescente que medra nun barrio obreiro marcado pola violencia, a precariedade e unhas expectativas moi ríxidas sobre o que significa ser home. Nese contexto, a amizade —e posteriormente o amor— con James convértese no único espazo no que pode sentirse libre para ser el mesmo. Todo apunta a que Douglas Stuart constrúe unha historia profundamente emotiva sobre o primeiro amor, a masculinidade, a familia e as dificultades ás que se enfrontan as persoas queer en contornos especialmente hostís.

Ademais, non vos vou mentir: tamén me apetecía mergullarme nun libro máis longo. As súas máis de 440 páxinas fan pensar nunha historia pausada, desas que permiten convivir cos personaxes durante varios días e ás que lles acabas collendo cariño antes de chegar á última páxina. Teño a sensación de que esta vai ser unha desas novelas capaces de romperche un pouco o corazón… e, sinceramente, ás veces tamén apetece.

Reliquia, de Pol Guasch

Hai libros que sabes que vas ler incluso antes de saber exactamente de que tratan. Iso foi o que me pasou con Reliquia desde que a editorial anunciara a súa publicación. Tal era o desexo de ler a Guasch que merquei a novela o mesmo día que chegou ás librarías porque tiña moitísimas ganas de achegarme a esta historia. Todo se potenciou coa conversa que mantivo o autor co creador de contido literario Beñat Azurmendi.

Tempo despois, durante a Feira do Libro de Madrid, tiven a oportunidade de coñecelo e de que me asinase o exemplar. A sinatura soamente fai que medren as ganas de lelo e espero que deste verán non pase.

A sinopse de Reliquia cóntanos que é unha historia que parte dun feito profundamente íntimo: dez anos despois do suicidio do seu pai, o narrador tenta atopar as palabras que nunca puido dicir na despedida. A partir desa procura, o libro convértese nunha reflexión sobre a memoria, o silencio, os vínculos familiares e a propia escritura, combinando a experiencia persoal coas vidas doutros autores que tamén decidiron poñer fin á súa vida. Todo apunta a unha obra delicada, pero tamén moi honesta, que utiliza a literatura para explorar preguntas ás que probablemente non existan respostas sinxelas.

Mulleres que viven xuntas, de Abril Camino

Coñezo a Abril Camino desde hai tempo polas súas novelas en castelán e sempre me chamou a atención a capacidade que ten para construír historias nas que as emocións ocupan un lugar central. Por iso, cando souben que publicaría a súa primeira novela en galego, tiven claro que quería lela. O feito de que acadase o Premio Xerais de Novela 2025 non fixo máis que aumentar a miña curiosidade.

A historia lévanos ata a Galicia da segunda metade do século XX para seguir a vida de Isabel e Chus, dúas mulleres que se atopan, conviven e acaban construíndo unha relación marcada polo amor, pero tamén polo silencio e pola represión dunha época na que vivir libremente a propia orientación sexual resultaba practicamente imposible. A través de distintas voces e momentos temporais, a novela reflexiona sobre o peso dos prexuízos, os segredos e as consecuencias que estes poden ter ao longo de toda unha vida.

Non podo evitar que a súa premisa me lembre, en certa maneira, á historia de Elisa e Marcela, dúas mulleres que tamén tiveron que desafiar as normas sociais do seu tempo para poder vivir o seu amor. Evidentemente, trátase de historias diferentes, pero esa idea de recuperar a memoria de tantas relacións silenciadas ao longo da historia esperta o meu interese lector.

Algún día nos reiremos de esto, de Gema del Castillo

A Gema del Castillo coñecina moito antes de saber que publicaría unha novela. Foi a través de TikTok, onde adoita compartir pequenos vídeos nos que le os seus propios textos ou reflexiona, dunha maneira moi honesta, sobre cuestións que atravesan a nosa xeración: a ansiedade, a precariedade, as expectativas, a saúde mental ou esa sensación constante de estar intentando descubrir como funciona a vida adulta.

Sempre me chamou a atención a forma que ten de escribir. Sen grandes artificios, pero cunha sinceridade que consegue conectar con quen a le ou a escoita. Por iso, cando anunciou a publicación de Algún día nos riremos disto, souben que acabaría formando parte da miña lista de pendentes.

@gema.dc

“Quiero ser tan lista que nadie me entienda” es un ensayo que subí a mi Substack (news from g) hace unos meses en el que muchas os visteis reflejadas. El título es un poco mentiroso, pero aquí hemos venido a jugar ❤️‍🔥 #substack #feminismo #girlhood #estudio #capitalismo

♬ original sound – Peaceful Melody World – Peaceful Melody World

A novela segue a historia de catro amigas que, a pesar de facer todo o que teoricamente había que facer para ter unha vida estable, se atopan cunha realidade marcada pola precariedade laboral, os alugueiros abusivos, a presión constante por ser produtivas e todas esas pequenas preocupacións que acompañan á mocidade actual. Lonxe de presentar un relato dramático, Gema del Castillo escolle o humor e a ironía para falar dunha xeración que intenta sobrevivir apoiándose, sobre todo, nas amizades.

Cal é o libro que non pode faltar na túa tote bag este verán?

Queda comigo en Raulillo de Bolsillo para enterarte de recomendacións literarias, opinións, vlogs lectores e contidos sobre libros. Benvidx!

Deixa unha resposta

Scroll ao inicio

Descubre máis desde Raulillo de Bolsillo

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo

Raulillo de Bolsillo
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.