Sin categoría

Sin categoría

A miña TBR de verán

Son unha persoa que detesta a calor, pero se hai algo que lle teño que agradecer ao verán é todo o que simboliza. Tempo de ocio, verbenas, piscina… En definitiva, o verán trae algo máis de calma e moito máis tempo que eu aproveito para preparar a lista de libros que me gustaría ler durante os meses que dure a calor infernal do sol. Este ano, ademais, o verán sabe un pouco diferente. Despois de meses inmerso no Traballo de Fin de Máster, o único que me apetece é baixar o ritmo. Ler sen présa. Sen mirar o reloxo. Sen pensar na seguinte tarefa pendente. Porque, se para moita xente o verán significa praia, piscina ou tardes ao sol, para min tamén significa outra cousa: tempo para ler. Son desa clase de persoas ás que lles resulta imposible saír da casa sen levar un libro na mochila. E, se por calquera motivo non cabe, sempre vai comigo o ebook. Nunca sei cando vou atopar un intre para ler: nunha viaxe en tren, esperando por alguén, deitado nunha toalla na praia ou simplemente á sombra dunha árbore nun parque. Calquera momento é bo para avanzar unhas páxinas. Así que, como xa é tradición cada vez que comezan as vacacións, aquí deixo a miña to-be-read list para este verán. Evidentemente, sei que probablemente non me dea tempo a ler todos, porque sempre acabo mercando máis libros dos que son capaz de ler. Aquí van os títulos que máis ganas teño de descubrir durante os próximos meses. Algúns levan tempo esperando na estantería, outros acaban de chegar á casa e hai algún que me acompaña desde hai demasiado tempo na lista de pendentes. Urraca, Urraquita, Urraquitita, de Jaime Riba É, probablemente, o libro ao que máis ganas lle teño de toda esta lista. Levaba moito tempo vendo críticas moi positivas nas redes sociais e en diferentes espazos de recomendación literaria, así que pouco a pouco foime espertando unha enorme curiosidade. Este ano, aproveitando a miña visita á Feira do Libro de Madrid, decidín mercalo e, ademais, tiven a sorte de coincidir con Jaime Riba, que mo asinou e foi moi majísimo. Ese pequeno recordo fai que lle teña aínda máis ganas. A novela trasládanos ata Ventaquemada, un lugar onde o tempo parece terse detido e no que a morte, os segredos familiares e o peso do pasado condicionan a vida dos seus habitantes. A decisión de dona Urraca Alcolea de sentarse a esperar a súa propia morte serve como punto de partida dunha historia na que os silencios, as ausencias e os alcumes herdados adquiren un enorme protagonismo. Todo isto aparece envolto nunha atmosfera de realismo máxico que, polo que din quen xa a leu, está construída cunha linguaxe moi coidada e cunha voz literaria moi persoal. Rastros, de Carlos Lixó Non podían faltar libros en galego nesta lista de lecturas para o verán, e Rastros é un dos títulos que máis curiosidade me esperta neste momento. En primeiro lugar, porque se trata do debut narrativo de Carlos Lixó, un autor do que non deixei de escoitar boas palabras desde a súa publicación. Ademais, todo apunta a que está a ter unha excelente acollida entre a crítica e os primeiros lectores, algo que fixo aumentar aínda máis as miñas ganas de descubrilo. Outra das razóns polas que o escollín é porque se trata dun libro de relatos, un formato ao que sempre volvo con moito gusto. Gústame a capacidade que teñen este tipo de obras para contar historias moi diferentes nun mesmo volume e sorprender ao lector en cada texto. Creo que son libros perfectos para o verán, cando ás veces apetece ler un relato nunha tarde tranquila sen necesidade de avanzar centos de páxinas dunha novela. Segundo a sinopse, Rastros propón un percorrido por distintas épocas e lugares a través de documentos ficticios —cartas, crónicas, lendas ou diarios— unidos por un mesmo fío condutor: a maneira na que a historia tratou de ocultar, perseguir ou silenciar aqueles corpos e identidades que se afastaban da norma. A idea de construír este arquivo imaxinario paréceme enormemente orixinal e, ademais, todo indica que Carlos Lixó o fai cunha escrita moi coidada e cunha voz literaria moi marcada. Un lugar para Mungo, de Douglas Stuart Se hai un libro desta lista que leva demasiado tempo esperando no meu Kindle, ese é Un lugar para Mungo. A verdade é que non teño escusa para seguir adiando esta lectura. Todo o que fun lendo sobre a novela fai pensar que é unha desas historias que deixan pegada e, ademais, reúne varios dos elementos que máis adoito desfrutar como lector. Quen me coñece sabe que sinto unha especial debilidade polas historias LGTBIQ+ e, máis concretamente, polas novelas que exploran o descubrimento da identidade, o primeiro amor e as relacións entre personaxes queer. Son libros que sempre conseguen chamar a miña atención e que ocupan un lugar moi importante entre as miñas lecturas favoritas. Por iso, Un lugar para Mungo leva tanto tempo na miña lista de pendentes. A novela sitúanos na Glasgow posterior á etapa de Margaret Thatcher e segue a historia de Mungo, un adolescente que medra nun barrio obreiro marcado pola violencia, a precariedade e unhas expectativas moi ríxidas sobre o que significa ser home. Nese contexto, a amizade —e posteriormente o amor— con James convértese no único espazo no que pode sentirse libre para ser el mesmo. Todo apunta a que Douglas Stuart constrúe unha historia profundamente emotiva sobre o primeiro amor, a masculinidade, a familia e as dificultades ás que se enfrontan as persoas queer en contornos especialmente hostís. Ademais, non vos vou mentir: tamén me apetecía mergullarme nun libro máis longo. As súas máis de 440 páxinas fan pensar nunha historia pausada, desas que permiten convivir cos personaxes durante varios días e ás que lles acabas collendo cariño antes de chegar á última páxina. Teño a sensación de que esta vai ser unha desas novelas capaces de romperche un pouco o corazón… e,

Sin categoría

Literatura para celebrar o Orgullo

Cada mes de xuño as librarías énchense de recomendacións de novelas protagonizadas por personaxes LGBTIQ+. E paréceme marabilloso. Porén, ás veces esquecemos que detrás desas historias tamén hai autoras e autores que escriben desde a experiencia, desde a investigación ou desde unha mirada profundamente comprometida coa diversidade. Esta lista non pretende reunir “os mellores” nomes da literatura queer. Simplemente son cinco voces que eu fun descubrindo nos últimos anos e cuxas obras me acompañaron, emocionaron ou me fixeron pensar. Se buscas novas lecturas para este Orgullo, creo que calquera delas pode ser un bo punto de partida. Nee Barros Se tivese que recomendar unha voz imprescindible da literatura galega LGBTIQ+ actual, sería sen dúbida Nee Barros. Nacide en Ourense en 2002 e criade en Marín, Nee Barros combina a creación literaria coa divulgación cultural e o activismo polos dereitos das persoas trans e non binarias. Ademais da súa obra escrita, leva anos achegando a literatura a través das redes sociais, especialmente desde o seu canal de YouTube Neeumatiko, onde comparte recomendacións literarias, análises de obras e reflexións arredor da diversidade e da lingua galega. O que máis me interesa da súa escrita é a maneira na que aborda cuestións como a identidade, o corpo ou a procura de referentes desde unha perspectiva profundamente honesta. As súas obras non buscan ofrecer respostas pechadas, senón abrir espazos para a reflexión e para que moitas persoas poidan sentirse recoñecidas en experiencias que durante moito tempo apenas tiveron presenza na literatura galega. Persoalmente, considero que Nee Barros representa unha nova xeración de autoras e autores que están ampliando os límites da nosa literatura, incorporando novas realidades e demostrando que o galego tamén é unha lingua desde a que se poden contar todas as historias. 📚 Se non sabes por onde comezar, recoméndoche Nom estamos quebrades, Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, ou Identidade. A normalidade do non-común, unha obra divulgativa que reflexiona sobre as identidades non binarias e a importancia dos referentes. Ademais, tamén foi a persoa encargada de traducir ao galego Heartstopper. Rapaz coñece rapaz, achegando un fenómeno internacional á nosa lingua. Clara Duarte Se hai unha autora que conseguiu facerse un oco na literatura xuvenil actual falando da diversidade con absoluta naturalidade, esa é Clara Duarte. As súas novelas demostran que as historias LGBTIQ+ non teñen por que xirar unicamente arredor da orientación sexual ou da identidade de xénero. As súas personaxes namóranse, dubidan, medran, equivócanse e afrontan conflitos cos que calquera lector ou lectora pode sentirse identificado. Ademais, sempre me parece interesante a súa maneira de entender a representación. As personaxes LGBTIQ+ forman parte das súas historias con total naturalidade, porque forman parte tamén da realidade que vivimos. Esa normalización converte as súas novelas en lecturas moi accesibles tanto para persoas pertencentes ao colectivo como para calquera lector que simplemente busque unha boa historia. As súas historias caracterízanse por conter relacións sáficas, é dicir, entre mulleres, conter unha gran dose de drama e unha morea de xiros inesperados. É unha autora que consegue que te rías nunha páxina e que sufras na seguinte. As súas novelas tamén están cargadas dun ambiente de realismo máxico, paranormal e distópico que consegue que desfrutes moito da lectura. 📚 Se non sabes por onde comezar, recoméndoche Cada seis meses, unha novela que combina romance, emoción e reflexión sobre a saúde mental; Luna 174, se che gusta máis a ciencia ficción con rep. lgbt+; ou Manual de ghosting para principiantes, se queres un Aquí no hay quien viva paranormal e cheo de personaxes lgbt+. Carlos Callón Falar de Carlos Callón é falar dunha das persoas que máis contribuíu, desde diferentes ámbitos, á divulgación da lingua galega e á recuperación da memoria LGBTIQ+ na nosa literatura. A súa traxectoria vai moito máis alá da creación literaria: é profesor, investigador, ensaísta e un dos maiores especialistas no estudo das disidencias sexuais dentro da historia da literatura galega. O que máis admiro do seu traballo é precisamente esa capacidade para facer accesible un patrimonio que durante séculos permaneceu oculto ou invisibilizado. A través dos seus ensaios, Carlos Callón demostra que as identidades LGBTIQ+ sempre estiveron presentes na nosa historia e na nosa literatura, cuestionando a idea de que se trata dunha realidade recente. Grazas ás súas investigacións, moitas persoas puidemos descubrir unha parte da nosa memoria colectiva que apenas aparecía nos libros de texto. Se tivese que recomendar unha das súas obras, sería Vidas e historias LGBT na Idade Media, un ensaio que recupera relatos, personaxes e episodios históricos relacionados coa diversidade afectivo-sexual na Galicia medieval. É unha lectura que combina rigor académico cunha escrita divulgativa e moi accesible, demostrando que a investigación tamén pode ser próxima e apaixonante. Michelle Durán Descubrín a Michelle Durán grazas ás recomendacións doutros lectores e, desde entón, converteuse nunha das autoras de literatura xuvenil que máis me gusta recomendar. As súas novelas combinan romance, humor e emoción, pero o que realmente as diferencia é a naturalidade coa que incorpora personaxes LGBTIQ+ e racializados nas súas historias. Creo que esa é unha das súas grandes fortalezas. Nas súas obras, a diversidade non aparece como un elemento excepcional nin como o único eixo da trama; simplemente forma parte da vida das personaxes. Iso fai que as súas historias resulten honestas, próximas e moi fáciles de conectar, especialmente para un público novo que busca verse representado na literatura. Outro aspecto que me gusta especialmente é a maneira na que constrúe os seus personaxes. Son imperfectos, cometen erros, evolucionan e enfróntanse ás inseguridades propias da adolescencia e da mocidade. Todo isto acompañado dun humor moi característico e de romances que fan que as súas novelas se lean practicamente dunha sentada. Michelle Durán leva escribindo historias desde a adolescencia, cando comezou a publicalas en plataformas como Wattpad. Esa conexión coas comunidades lectoras segue estando moi presente na súa maneira de entender a literatura: escribir para acompañar ás persoas lectoras, facerlles sentir que as súas experiencias importan e ofrecerlles historias nas que poidan recoñecerse. 📖 Se non

libros en galego
Sin categoría

10 libros en galego que deberías ler

Un dos comentarios que máis recibo cando falo de libros nas redes sociais é sempre o mesmo: “Gustaríame ler máis en galego, pero non sei por onde empezar.” É unha dúbida completamente normal. Durante moitos anos, moitas persoas asociamos a literatura galega ás lecturas obrigatorias do instituto, cando a realidade é que o panorama editorial actual está cheo de novelas contemporáneas capaces de emocionar, entreter e sorprender. Nesta selección reúno dez libros en galego que, por diferentes motivos, considero unha excelente porta de entrada á nosa literatura. Hai novela romántica, narrativa contemporánea, literatura xuvenil, novela gráfica e historias que permanecen na memoria moito despois de pechar a última páxina. Fago o que podo, de Afra Torrado Se nunca liches unha banda deseñada en galego, creo que Fago o que podo é un magnífico punto de partida. A través dun humor moi recoñecible e dunha mirada irónica sobre a vida cotiá, Afra Torrado consegue que moitas das situacións que retrata resulten sorprendentemente familiares. A súa lectura lembra, en certo modo, a un sketch de Land Rober, pero mellor feito e no que te sentes moi representado. A través da autoficción e dun humor moi particular, a autora aborda cuestións coas que resulta doado identificarse: a síndrome da impostora, a procura da identidade, as relacións afectivas ou a precariedade laboral. Todo isto convive con pequenas historias protagonizadas pola Señora Barbuda, un dos seus personaxes máis coñecidos. Se nunca liches unha banda deseñada en galego, creo que este é un magnífico punto de partida. É unha obra áxil, visual e moi próxima, capaz de facer reflexionar sen perder nunca a ironía nin a capacidade de sacar un sorriso. Demostra, ademais, que a literatura galega actual explora formatos e linguaxes moi diferentes aos da narrativa tradicional. Diario de dúas casas, de María Villamarín Se tivese que escoller un único libro desta lista, probablemente sería este. Diario de dúas casas é unha obra autobiográfica na que María Villamarín reflexiona sobre a convivencia entre dous espazos que marcan profundamente a súa identidade: a cidade, onde vive e estuda, e a aldea de Casas da Veiga (Xinzo de Limia), onde están as súas raíces. A través da escritura de diferentes cadernos, a autora constrúe un relato íntimo no que teñen cabida a memoria, a familia, o sentimento de pertenza e as contradicións que xorden ao vivir entre dous mundos. É un libro que se le con calma, sen présa, porque cada páxina invita a deter a lectura e pensar. A escrita de Villamarín é delicada, honesta e profundamente sensible, capaz de converter experiencias moi persoais en emocións coas que resulta doado identificarse. No meu caso, foi unha das lecturas que máis me emocionou dos últimos anos. Non porque conte unha gran historia chea de acontecementos extraordinarios, senón porque demostra que a literatura tamén pode atoparse nas pequenas cousas: nos recordos, nos lugares que habitamos e nas persoas que nos acompañan ao longo da vida. É un deses libros que permanecen contigo moito despois de rematar a última páxina e ao que, con toda seguridade, volverei no futuro. Ademais, a súa lectura pilloume nun momento no que remataba a carreira e comezaba a empaquetar catro anos fóra da casa en caixas e bolsas. Timbrol e a pega, de Leticia Barbadillo Timbrol e a pega é un deses libros que demostran que as historias máis sinxelas tamén poden agochar grandes reflexións. A través dunha narración pensada para o público infantil, Leticia Barbadillo constrúe un relato no que a diferenza non se presenta como un problema, senón como un tesouro, unha herdanza a preservar. Un dos aspectos que máis me gusta da obra é a maneira na que representa a infancia. Os personaxes achéganse ao descoñecido desde a curiosidade e non desde o prexuízo, lembrándonos que moitas das barreiras que levantamos fronte ao diferente son aprendidas co paso do tempo. O libro convida así a mirar o mundo con máis empatía e naturalidade. Aínda que está dirixido ás lectoras e lectores máis novos, penso que é unha lectura que tamén pode interpelar ás persoas adultas. A mensaxe sobre a aceptación, a convivencia e o respecto resulta universal e convértese nunha boa oportunidade para compartir unha lectura en familia ou no colexio e iniciar conversacións arredor destes valores. Heartstopper, de Alice Oseman Se algunha vez pensaches que che gustaría empezar a ler en galego, pero non sabías por onde facelo, a tradución de Heartstopper paréceme unha boa opción. Moitas persoas xa coñecen esta historia grazas aos cómics orixinais ou á adaptación audiovisual de Netflix. Precisamente por iso, achegarse á edición en galego resulta moito máis sinxelo: xa coñeces os personaxes, o universo narrativo e o ton da obra, polo que a lingua deixa de ser unha barreira e convértese nunha oportunidade para redescubrir unha historia que probablemente xa coñeces. A edición publicada por Xerais, traducida por Nee Barros, permite gozar en galego dunha das novelas gráficas xuvenís máis importantes dos últimos anos, mantendo a frescura, a tenrura e a naturalidade que converteron Heartstopper nun fenómeno internacional. A obra narra a relación entre Charlie e Nick, dous estudantes que descobren que a amizade pode transformarse en algo máis, abordando con sensibilidade cuestións como o amor, a identidade ou a aceptación persoal. Este tipo de traducións teñen un valor engadido: demostran que o galego tamén pode ser a lingua na que descubrimos ou revisitamos grandes éxitos internacionais. Pai, de Miguel Louzao Outeiro A poesía, aínda que non é un xénero que consuma en exceso, tamén tiña que ter un lugar destacado nesta lista, e Pai é un bo exemplo. Neste primeiro poemario, Miguel Louzao Outeiro constrúe unha crónica íntima arredor da crianza do seu fillo, convertendo a experiencia da paternidade no fío condutor da obra. O que máis me interesa deste libro é a maneira na que presenta a figura paterna. Lonxe dos modelos tradicionais de masculinidade, Pai reivindica unha paternidade construída desde os coidados, a presenza e o compromiso emocional. A través dos poemas, o autor reflexiona sobre os medos, as

hábito de lectura
Sin categoría

Como recuperar o hábito da lectura: 7 consellos para volver gozar dos libros

Perdeches o hábito da lectura? Se a última vez que liches un libro foi no instituto ou tes novelas acumulando po na estantería, non te preocupes. É unha situación máis habitual do que parece. Entre o traballo, os estudos, as redes sociais e o consumo constante de contido dixital, a lectura foi perdendo espazo na rutina de moitas persoas. A boa noticia é que recuperar o hábito lector é moito máis sinxelo do que parece. Non é necesario ler un libro cada semana nin pasar horas diante dunha novela. O importante é volver crear unha rutina que che permita desfrutar da lectura sen presións. Nesta guía atoparás sete consellos prácticos para volver ler, descubrir libros que realmente che enganchen e converter a lectura nun hábito duradeiro. 1. Comeza pouco a pouco Un dos erros máis frecuentes é querer pasar de non ler nada a rematar un libro de cincocentas páxinas nunha semana. Como ocorre con calquera hábito, a lectura require constancia. Comeza dedicándolle 10 ou 15 minutos ao día. O importante non é a cantidade de páxinas, senón incorporar ese momento á túa rutina diaria. 💡 Consello: escolle sempre a mesma franxa horaria. Pode ser despois de almorzar, antes de durmir ou durante o traxecto ao traballo ou á universidade. 2. Atopa un libro que consiga engancharte Poucas cousas fan abandonar antes a lectura que un libro co que non conectas. Cada persoa ten uns gustos diferentes, polo que non existe un libro perfecto para todo o mundo. O importante é atopar unha historia que desperte a túa curiosidade e che dea ganas de seguir lendo. Algunhas recomendacións para comezar 👉 Tamén che pode interesar: 10 libros en galego 3. Crea o teu propio recuncho de lectura Dispoñer dun espazo tranquilo facilita a concentración e axuda a asociar a lectura cun momento de descanso. Non necesitas unha biblioteca espectacular. Cunha cadeira cómoda, boa iluminación e unha bebida quente xa é suficiente. Ese espazo tamén pode estar fóra da casa. Un parque, unha cafetería, unha praia ou un xardín poden converterse no escenario perfecto para desfrutar dun libro. 📷 Idea: busca inspiración en Pinterest para crear o teu recuncho lector. 4. Descubre o formato que mellor se adapta a ti Hoxe en día ler vai moito máis alá do libro en papel. Podes escoller entre diferentes formatos segundo o momento: 📚 Libro físico, ideal para desconectar das pantallas. A quen non lle vai gustar sentir o tacto das páxinas? 📱 Libro electrónico, perfecto para levar sempre contigo. Por exemplo, eu sinto que cando leo en dixital leo algo máis rápido. 🎧 Audiolibro, unha excelente opción para aproveitar desprazamentos ou tarefas domésticas. Para as miñas persoas multitarefas! O importante non é o formato, senón seguir lendo. 5. Busca unha comunidade lectora Compartir as lecturas con outras persoas é unha das mellores formas de manter a motivación. Actualmente existen comunidades moi activas en redes sociais como BookTok ou Bookstagram, ademais de clubs de lectura presenciais e virtuais nos que descubrir novos libros e intercambiar opinións. Ler acompañado adoita facer que sexa máis doado manter a constancia. 💬 Consello: participa nalgún reto lector ou segue creadoras e creadores de contido cos que compartas gustos literarios. 6. Leva un rexistro das túas lecturas Anotar os libros que vas lendo axúdache a visualizar o teu progreso e manter a motivación. Método tradicional Emprega unha libreta para anotar: Método dixital Se prefires unha alternativa máis práctica, podes utilizar ferramentas como: Nelas poderás crear o teu propio rexistro lector, organizar as lecturas pendentes e propoñerte retos anuais. 📈 Consello: márcate un obxectivo alcanzable, como ler un libro ao mes ou X libros ao ano. Por exemplo, eu sempre marco o meu propio reto lector anual en Goodreads, que consiste ler entre 20-25 libros ao longo de 365 días. 7. Ler non debe ser unha obriga Moitas persoas abandonan a lectura porque a converten nunha carreira. Ler non consiste en rematar un número determinado de libros ao ano, senón en desfrutar do proceso. Non pasa nada por abandonar un libro que non che gusta nin por tardar varias semanas en rematalo. 🧠 Lembra: cada páxina lida conta. Conclusión Recuperar o hábito da lectura significa volver reservar un pequeno espazo do día para un mesmo. Ademais de mellorar a concentración ou reducir o estrés, ler permíteche descubrir novas historias, ampliar a túa visión do mundo e desenvolver unha maior capacidade crítica. Non importa se levas meses ou anos sen abrir un libro. Comeza cunha lectura que realmente che apeteza, crea unha rutina asumible e deixa que o hábito medre pouco a pouco. ✨ Cada libro é unha nova oportunidade para volver namorarte da lectura. Queres seguir descubrindo libros? En Raulillo de Bolsillo comparto recomendacións literarias, opinións, vlogs lectores e contidos sobre libros.

a miña historia coa lectura
Sin categoría

A miña historia coa lectura

Se hoxe me ves recomendando libros en redes sociais ou falando durante minutos sobre a última novela que lin, probablemente pensarás que sempre fun un deses nenos que medraron cun libro na man. A realidade é bastante diferente. Durante moitos anos non me gustaba ler. Ou, polo menos, non atopaba ningún libro que conseguise engancharme de verdade. A miña relación coa lectura estaba limitada ás obras obrigatorias do colexio e do instituto, esas que había que ler para facer un exame e que, en moitas ocasións, acababan asociando os libros coa obriga máis que co pracer. De feito, unha das miñas primeiras lembranzas relacionadas cos libros nin sequera ten que ver coa lectura. 📚 Os primeiros libros que collía… eran para debuxar neles Na miña casa había poucos libros, e moitos deles pertencían ao meu irmán maior. Eu collíaos con frecuencia, pero non precisamente para lelos. O que máis me gustaba era aproveitar as páxinas en branco do principio ou do final para facer debuxos, escribir o meu nome unha e outra vez ou inventar sinaturas como se algún día fose unha persoa famosa. Si, confeso: fixen auténticas pinturas rupestres en máis dun libro. Curiosamente, eses exemplares aínda continúan na casa e convertéronse nunha pequena cápsula do tempo que me lembra que, daquela, os libros significaban algo moi diferente para min. 🎒 O instituto non conseguiu converterme en lector Ao longo da Educación Secundaria e do Bacharelato lin boa parte das lecturas obrigatorias que nos mandaban nas distintas materias. Algunhas gustáronme. Outras, sinceramente, non. Sempre fun unha persoa incapaz de obrigarse a rematar un libro que non estaba desfrutando. Se unha historia non conseguía captar a miña atención, custábame moitísimo avanzar. Hai unha anécdota que resume perfectamente esa etapa. En segundo de Bacharelato mandáronnos ler Os camiños da vida, de Ramón Otero Pedrayo. Intenteino. De verdade que o intentei. Pero non fun quen de rematar o libro. Chegou o día do exame e tomei unha decisión que, vista con perspectiva, creo que foi bastante honesta: entregueino en branco. Expliqueille á profesora que non conseguira ler a obra e que non me parecía xusto responder preguntas sobre un libro que realmente non coñecía. Non foi a mellor nota da miña vida, pero si unha das decisións das que máis me acordo. Porque entendín algo importante: ler por obriga e ler por gusto son dúas experiencias completamente diferentes. 📱 Wattpad cambiou a miña forma de entender a lectura Todo mudou arredor de 2017. Tiña quince anos cando descubrín Wattpad, unha plataforma na que miles de persoas compartían historias de maneira gratuíta. Por primeira vez estaba lendo porque eu quería. Sen exames. Sen datas límite. Sen obrigas. Simplemente porque me apetecía saber como remataba unha historia. Pouco despois tamén me animei a escribir. Sempre me gustou inventar historias, así que Wattpad permitiume descubrir a outra cara da literatura: a creación. Creo que foi nese momento cando comecei a entender que os libros non eran só unha cuestión escolar, senón un espazo no que podía emocionarme, rir, descubrir persoas e incluso crear os meus propios relatos. 📖 Da lectura ao interese polo mundo editorial Co paso dos anos, a lectura deixou de ser un pasatempo ocasional para converterse nunha parte importante do meu día a día. Xa non me interesaban só as historias. Comecei tamén a descubrir editoriais, autoras e todo o ecosistema que existe detrás de cada libro. Especialmente chamou a miña atención a literatura publicada por editoriais españolas e galegas, descubrindo voces que ata ese momento descoñecía por completo. A lectura converteuse, pouco a pouco, nunha maneira de comprender mellor a cultura que me rodea. 📊 A evolución do meu hábito lector Desde hai varios anos rexistro todas as miñas lecturas en Goodreads. Grazas a iso podo comprobar como foi evolucionando o meu ritmo lector co paso do tempo. 💙 Así nace Raulillo de Bolsillo Se este proxecto existe é porque hai tres cousas que sempre estiveron presentes na miña vida, aínda que en momentos diferentes: a lectura, a escritura e a lingua galega. A escritura acompañoume desde pequeno. A lectura chegou algo máis tarde. E o galego sempre foi a lingua na que vivo, penso e me relaciono co mundo. Raulillo de Bolsillo nace precisamente da unión desas tres paixóns. Non pretende ser un espazo no que recomendar libros desde unha posición de experto, senón compartir lecturas desde a experiencia dun lector que, durante moito tempo, pensou que os libros non eran para el. Porque, se eu conseguín descubrir o pracer de ler con quince anos, estou convencido de que calquera pode atopar ese libro que lle cambie a maneira de entender a lectura. E ti? Como comezou a túa historia coa lectura? Queda comigo en Raulillo de Bolsillo para enterarte de recomendacións literarias, opinións, vlogs lectores e contidos sobre libros. Benvidx!

Scroll ao inicio
Raulillo de Bolsillo
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.